Un trazo distintivo da Illa de Cortegada é a súa mesta fraga de vellos loureiros, a máis grande de España e probablemente de toda Europa.

As especiais condicións climáticas e a ausencia de núcleos urbanos nesta illa permitiron o excepcional desenvolvemento desta nobre árbore, que ocupa dúas hectáreas e media na parte norte da illa (a metade da súa superficie total).
Pero que é o que fai do loureiro unha planta tan especial, ligada a centos de mitos e lendas milenarias?

O loureiro: historia, mitos e tradicións
Honra de emperadores e poetas, as follas de loureiro perfuman a cociña mariñeira de Galicia.
O loureiro (do celta «Lauer», árbore de folla perenne) era na antiga Grecia unha planta consagrada a Apolo. Segundo o mito, Apolo, alcanzado por unha frecha de ouro que lle lanzou Eros, foi presa dunha gran paixón por Dafne. Pero a ninfa, asustada polo exceso de ardor do pretendente, invocou a axuda dos deuses, que a compraceron transformándoa nun loureiro. Desde ese momento o loureiro converteuse nunha planta sempre verde consagrada ao divino Apolo.
Máis tarde o propio Apolo declarou sagrada esta planta e converteuna en símbolo de paciencia, gloria e triunfo. O deus tamén estableceu, cinguindo na súa cabeza unha coroa de follas de loureiro, que todos os mortais que se distinguisen por actos heroicos poderían facer o mesmo. Así foi como nos primeiros Xogos Olímpicos, no ano 776 a. C., os gañadores foron coroados con loureiros.
En Delfos as follas desta planta mastigábanas as Pitias (pitonisas), e a tradición popular coñecida como dafnomancia representou durante moito tempo unha forma de profecía.
Na época romana, as coroas de loureiro cinguían as cabezas dos máis grandes, como poetas, escritores, cónsules e emperadores, e hoxe o termo «laureado», aplicado a quen completa un ciclo de estudos universitarios, procede desta aromática planta.

Tradicións populares
Segundo antigas tradicións populares, os labregos romanos, para gañar o favor do Sol, tiñan o costume de atar tres ramiñas de loureiro cun lazo vermello; así augurábanse unha boa colleita, axudando o trigo a madurecer e dando benestar á poboación.
Aínda hoxe hai diferentes rituais ligados ao loureiro: por exemplo, dise que poñer algunhas follas de loureiro debaixo da almofada favorece os soños proféticos, mentres que conservar na casa algunhas follas axudaría a ter a protección do deus do sol e, por tanto, prosperidade e benestar.
Segundo moitas crenzas populares, dise tamén que o loureiro nunca é alcanzado por un raio, polo que protexe as casas próximas.
Na linguaxe das flores e das plantas o loureiro considérase símbolo de enerxía, vitoria e gloria e, por ser unha planta perenne, é un símbolo de inmortalidade.
Hoxe o loureiro úsase sobre todo na cociña, pero no pasado considerábase un remedio contra as xaquecas, a gota, a asma e a febre; as súas follas secas colocábanse nos armarios para afastar os insectos, mentres que as frescas se intercalaban entre as páxinas dos libros para evitar que amarelecesen.
Estas son algunhas das historias e lendas ligadas ao laurus nobilis. Cando visites a magnífica fraga da Illa de Cortegada, poderás admirar moito máis que unha «simple» árbore…