Inicio · Blog

A capela e o hospitaliño de Cortegada

Publicado o 22 de Novembro de 2026
Capilla de la Virgen de los Milagros en la Isla de Cortegada

Nunha visita á Illa de Cortegada, despois de camiñar por algún dos seus carreiros, entre centenarias fragas de loureiros, chégase ao que foi o antigo poboado. Entre os restos das construcións derrubadas destacan a capela da Virxe dos Milagres e o hospitaliño.

O santuario de Cortegada, dedicado á Virxe dos Milagres, data de 1334 e alí celebrábanse dúas romarías na súa honra en marzo e setembro. Máis tarde construíuse a carón da capela un hospital-lazareto para acoller os peregrinos que acudían a facer as súas peticións á Virxe.

Ambas as construcións, que orixinalmente estaban no medio do poboado, foron trasladadas en 1652 ao seu emprazamento actual, para evitar que as grandes afluencias de peregrinos enfermos en busca de curación contaxiasen os habitantes de Cortegada. Alí aínda se poden ver os seus restos, atrapados no medio dunha vexetación fantasmagórica pero fermosa.

Sobre o arco da porta da capela pódese ver, esculpido en pedra, o escudo de don Fernando de Andrade e Sotomaior, arcebispo de Santiago de Compostela, que foi quen ordenou trasladar a ermida. Fronte á capela domina a escena un cruceiro, erguido posiblemente nos últimos anos do século XVIII ou a comezos do XIX.

O «hospitaliño», pola súa banda, aínda que se chamaba «Hospital de Carril», estaba na illa e levantouse coa intención de atender non só a poboación da parroquia senón tamén os asistentes ás romarías de marzo e setembro e calquera outro peregrino que, facendo o Camiño de Santiago, necesitase atención. Os restos máis antigos do hospital datan de 1652 e consta que o edificio sufriu reparacións no século XVIII.

Ao pasear polos sombrizos e silenciosos carreiros da Illa de Cortegada, percorrendo os restos derrubados das antigas casas, a capela e o hospital, o visitante pode sentir unha atmosfera de paz e tranquilidade que envolve a historia destas antigas construcións.

Isla de Cortegada
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e serve, por exemplo, para recoñecerte cando volves á web ou para axudarnos a entender que seccións che resultan máis interesantes e útiles.