Inicio · Blog

Un rei e santo viquingo na Illa de Cortegada

Publicado o 22 de Novembro de 2026
Olaf Haraldsson, rey vikingo y santo de Noruega

Moito antes de Afonso XIII e dos Borbóns, outro lendario futuro rei, chegado das afastadas terras nórdicas, estableceu o seu acampamento na Illa de Cortegada. Olaf Haraldsson, máis tarde Olaf II de Noruega e despois canonizado como San Olaf, tivo un pasado viquingo que se cruzou no camiño da Illa de Cortegada.

Quen foi Olaf II Haraldsson

Olaf II navegando entre trolls. Pintura sobre pedra na igrexa de Dingtuna, Suecia.

Olaf II navegando entre trolls. Pintura sobre pedra na igrexa de Dingtuna, Suecia.

Fillo do señor Harald Grenske e descendente do rei de Noruega Harald I o de Fermosa Cabeleira, Olaf, nado arredor do ano 995, creceu como pagán e converteuse en guerreiro viquingo na rexión do Báltico. Loitou contra os ingleses en 1009-1011, pero despois axudou ao gobernante inglés Etelredo II o Indeciso contra os daneses. Cando o rei danés Svend I se impuxo en Inglaterra, Olaf dirixiu as súas naves a España e logo a Francia, onde foi bautizado en Ruán.

Morte de Olaf II na batalla de Stiklestad segundo o Flateyjarbók (século XIII).

Morte de Olaf II na batalla de Stiklestad segundo o Flateyjarbók (século XIII).

De volta en Noruega en 1015, Olaf conquistou territorios antes dominados por Dinamarca, Suecia e Noruega; en 1016 xa consolidara o seu dominio en toda Noruega. Nos 12 anos seguintes construíu a súa base de apoio coa aristocracia do interior, presionando sen descanso para que se aceptase o cristianismo, con misioneiros que trouxera de Inglaterra. A Igrexa de Noruega pode datar o seu nacemento en 1024, cando Olaf e o seu asesor eclesiástico, o bispo Grimkell, presentaron un código relixioso en Moster.

En 1019 Olaf resolveu o seu conflito co rei sueco Olaf Skötkonung e uniu as súas forzas co fillo do rei, Anund Jakob, cando Canuto, rei de Inglaterra e Dinamarca, ameazaba con conquistar Noruega. Coa perspectiva de controlar as rutas comerciais ao oeste de Noruega, e cun control máis indirecto ca o exercido por Olaf, Canuto gañou o apoio dos principais xefes de Noruega. Olaf viuse obrigado a fuxir a Rusia (1028).

En 1030 Olaf intentou reconquistar Noruega, pero foi derrotado na batalla de Stiklestad (1030). A popularidade de Olaf, o seu traballo pola igrexa e a aura de lenda que rodeou a súa morte, que supostamente foi acompañada de milagres, levaron á súa canonización en 1031. A súa popularidade estendeuse rapidamente; construíronse igrexas e santuarios na súa honra en Inglaterra, Suecia e Roma. Foi o último santo occidental aceptado pola igrexa ortodoxa oriental.

A aventura galega de Olaf

No ano 1014, Olaf Haraldsson, o mesmo que chegou a ser santo, patrón e rei de Noruega, era aínda un feroz viquingo que encabezaba unha das últimas incursións nórdicas polas rías galegas, porta de entrada para facerse cos tesouros que se lle atribuían á afamada cidade de Santiago de Compostela.

Olaf dirixiu as súas naves pola ría de Arousa ata o punto de desembarco que máis o achegase á cobizada cidade de Compostela. Ese punto estaba no porto de Carril. E a Illa de Cortegada, xusto fronte a Carril, era o lugar ideal para acampar. Alí, no fondo da ría, os seus drakkars (naves viquingas) estaban ao abeiro e Olaf e os seus homes podían establecer un campamento base para as súas sanguentas correrías nas terras que eles chamaban Jakobsland (Terra de Santiago).

Non se sabe con certeza se Olaf chegou a Santiago, pero si que durante un tempo el e as súas hordas sementaron o terror na rexión cos seus saqueos e que, finalmente, foron expulsados polo rei Afonso V, que o venceu e o obrigou a levantar o seu campamento da Illa de Cortegada e volver á súa terra.

Isla de Cortegada
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e serve, por exemplo, para recoñecerte cando volves á web ou para axudarnos a entender que seccións che resultan máis interesantes e útiles.